Un novo convenio regulará as relacións laborais dos empregados coas orquestras da verbena galega
Verbena Gallega (Síguenos en Facebook)
Na xornada de onte, venres, presentouse o primerioconvenio colectivo das orquestras de verbena de Galicia, asinado nos últimos días polos sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), CIG, CSI-F e UGT, xunto coa a Asociación Galega de Orquestras (AGO) como parte empresarial.
Para o sindicato CCOO trátase dun feito «histórico» que culmina décadas de traballo sindical para regular e mellorar as condicións laborais deste colectivo profesional. O seu ámbito de aplicación atangue uns 4.500 traballadores e traballadoras —a cuarta parte, aproximadamente 1125, son mulleres— entre artistas, persoal técnico e de condución de vehículos.
Un convenio que será referente no estado
Teté Pérez, voceira da Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Galicia, cualifica de «fito» o asinamento deste convenio, xa que no noso país non hai referentes de negociación colectiva neste ámbito. No estado español tampouco existen convenios colectivos de orquestras de verbena, polo que esta negociación supón un éxito que «ha marcar un antes e un despois nas relacións laborais dos músicos e músicas das orquestras de verbena en toda España».
Aspectos salientables do convenio
Este primeiro convenio colectivo ratifica a consideración laboral de artistas, técnicos e o resto do persoal como traballadoras e traballadores «normais», isto é, con dereito a unha nómina mensual, cotización á seguridade social polo salario realmente percibido, deducións en concepto de IRPF, descansos semanais, vacacións e licenzas retribuídas, pagas extraordinarias, póliza de seguro de accidente laboral ou recoñecementos médicos periódicos.
No convenio tamén se recolle a consideración dos ensaios, gravacións, actuacións e tempos a disposición da empresa como xornada laboral. Ademais, inclúense axudas económicas para compensar o desgaste dos instrumentos e do vestiario —cando non sexan proporcionados pola empresa— e unha axuda económica de corenta euros para compensar a participación en sesións matinais ou vermú —con respecto, en todo caso, ao que estipula o Estatuto dos Traballadores para os tempos de descanso entre xornadas.
Outras cuestións
O ano natural divídese en dous tipos de tempada: a baixa, do 1 de novembro ao 30 de abril, e a alta, do 1 de maio ao 31 de outubro. Así mesmo, segundo as funcións realizadas polo persoal e a formación ou especialización requirida, establécense catro grupos profesionais.
Canto ás táboas salariais, establécense segundo a facturación anual de cada empresa, tendo en conta referencias anuais de 150.000, 350.000, 550.000 e 750.000 euros en diante. Do mesmo xeito, os salarios fíxanse segundo os diferentes grupos profesionais e o tramo de facturación das empresas, polo que oscilan entre os 14.490 e os 30.632 euros ao ano como mínimo. Ademais, o salario dos «bolos» ou das actuacións establécese en 60 euros diarios na tempada baixa e 90 na alta.
Unha loita histórica
A loita sindical a prol das condicións laborais do persoal dedicado ao espectáculo remóntase aos anos setenta do século pasado. Este traballo fíxoo o Sindicato Galego da Música (SGM), posteriormente Sindicato Galego do Espectáculo (SGE), que hoxe en día está integrado en Comisións Obreiras, tal como indica o sindicato.
Dúas persoas claves na fundación do SGM foron Benedicto García Villar, cantautor de Voces Ceibes e sindicalista de CCOO, e Ángel García Seoane ‘Gelo’ —actual alcalde de Oleiros—, músico de orquestra naqueles tempos e primeiro secretario xeral do sindicato.
“O SGM fixo durante anos un intenso labor de información laboral e legal, puxo a disposición de artistas medios e recursos humanos para a creación de asociacións culturais especializadas nos diferentes sectores da música e na xestión de dereitos de propiedade intelectual. Tamén se encargou do labor de xestión cultural propiamente dito, intentou homoxeneizar as fórmulas de contratación no ámbito e realizou campañas con outros sindicatos e chamou a atención das Administracións sobre a necesidade de regular numerosos aspectos no mundo da música”, engade.
Finalmente, desde CCOO salientan o labor realizado por persoas que estiveron na dirección do SGM, como Moncho Varela, Cruz Andrade, Xosé Ramón Santomil, Antón Rodríguez ou Pablo Morán —este último, ademais, presente na mesa de negociación do convenio que acaba de ser presentado— ou, xa na época do SGE, de Vicente Montoto, Avelino González ou Susana Dans.