Verbena Gallega (Séguenos en Facebook)
Fotos: Verbena Gallega e Víctor Lorenzo
O Festival Son de Marín, que este ano celebrará á súa quinta edición o vindeiro sábado, converteuse desde o seu inicio na arte de achegar a música a todos os recunchos do casco urbano da vila. É certo que o evento foi medrando conforme pasaron os anos e nesta ocasión agárdase que sexa unha das grandes citas musicais de Galicia, xa que a organización, na que participan Dibay Eventos e o Concello, fixo unha aposta importante en canto a búsqueda de calidade e variedade nos espectáculos, co obxectivo de chegar a todos os públicos a longo de todo o día.
O certame foi concebido como un festival de rúa desde os seus inicios, en homenaxe ao artista John Balan, natural de Seixo-Marín, aínda que moi coñecido a nivel de toda Galicia e mesmo internacionalmente. Só cunha porta, as súas mans e a súa voz era quen de facer os sons dunha orquestra o que o levou a ser coñecido como o ‘home orquestra’.
Deste xeito, cada unha das edicións do Son de Marín está adicada a este artista, que levaba a música a calquera lugar onde se atopara, mesmo á liña de autobús que une Marín e Pontevedra (antigamente o ‘trole’), a un bar ou a calquera das prazas nas que estivera. Ademais, tamén participou nalgunhas películas.
O municipio marinense ten todo listo para a celebración do festival o vindeiro sábado, día 17, co que pretende encher de música as prazas e rúas do casco urbano da vila. Nesta ocasión Dibay Eventos encargarase do desenvolvemento das actividades contando coa colaboración e respaldo do Concello de Marín, como antes diciamos.
O evento contará con catorce actividades, que se desenvolverán desde as 10.00 horas ata ben entrada a noite, rematando cun concerto no Parque Eguren a partir das 23.00 horas a cargo do coñecido grupo Dani Royo&Versión Band, que chegará cun espectáculo co que está triunfando nos últimos meses, no que as versións de grandes éxitos teñen un papel fundamental.
Deste xeito, o Son de Marín comezará ás 10.00 horas cun pasarrúas a cargo do grupo Os de Marín, e continuará co seguinte orden: Os Saljariterios na Praza de Abastos (11.00), Primux en Doutor Touriño Gamallo (11.30), As Ferriñas (once pandereteiras e dúas gaitas) na Rúa do Sol (12.00), Os acordeonistas Manolo e Ramón, acompañados da violinista Lía no Fondo do Saco (12.30), e pechando a xornada matinal contarase co Trío Fuzzo Jazz na Alameda (13.30).
Esta última agrupación ofrecerá un concerto de máis dunha hora de duración coincidindo cun dos momentos de maior presenza de veciños e visitantes na Alameda. Trátase dunha das grandes apostas deste ano e agárdase que reúna a unha importante cantidade de público.
As actividades retomaranse pola tarde ás 18.00 horas no Parque Eguren (praza próxima ao bar ‘Klee’) coa degustación da torta de aniversario do Son de Marín, que cumpre cinco anos, momento no que se soplarán as velas e repartirase o doce, de xeito gratuito, entre os asistentes, contando para elo coa actuación de As Chaneiras. A continuación, o dúo Rosebub (violíns) fará a súa actuación na Rúa Real (18.30), o espectáculo infantil Son-risas levarase a cabo na Alameda para os máis cativos e as familias (19.00) e Enrique Alvite, co seu destacado repertorio de temas inolvidables, amosará a súa envidiable voz en Méndez Núñez (19.30).
O acto de homenaxe a John Balan terá lugar ás 20.00 horas na Praza da Veiguiña, no que intervirá Xosé Vilas, veciño de Seixo e bo coñecedor do artista ao que se vai lembrar, sobre o que ofrecerá algúns datos da súa vida, de como se convertuiu no ‘home orquestra’, en actor e nunha persoa tan coñecida (ten a súa propia rúa na parroquia marinense). A continuación, pechará a lembraza a actuación de Ricardo Parada na propia Praza da Veiguiña ás 20.30 horas.
O Son de Marín rematará co concerto de Dani Royo&VersiónBand no Parque Eguren a partir das 23.00 horas, outra das grandes apostas da organización, xa que trátase dun artista consolidado, con moitos seguidores e que virá a Marín cunha banda propia do máximo nivel.
A organización do Son de Marín agarda que a celebración do festival reúna a numeroso público en cada unha das actuacións, xa que a diferenza de horario permitirá que os interesados poidan asistir á maioría delas. Así mesmo, agradece especialmente o respaldo do Concello de Marín.