Verbena Gallega (Síguenos en Facebook)
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe da activación de tres novos programas de financiamento para poder atender as necesidades de liquidez de autónomos, microempresas e pemes, entre elas, con especial atención ás orquestras. Estas iniciativas permitirán mobilizar arredor de 120 millóns de euros e complementan as xa postas en marcha anteriormente.
Durante a rolda de prensa posterior á reunión do Consello, Feijóo referiuse ao impulso dun novo instrumento financeiro innovador específico e destinado a achegar préstamos directos da Xunta aos sectores especialmente afectados pola actual situación económica, como o cultural e o artístico (con especial atención ao ámbito das orquestras) e a economía social.
Deste xeito, cun orzamento de 8 millóns de euros, facilitaranse préstamos directos da Xunta de entre 3.000 e 200.000 euros ás pemes destes sectores.
Apoiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, os créditos estarán libres de comisións, non terán como condición a achega de garantías e estarán libres de xuros ou contemplarán porcentaxes moi baixas.
Ademais, non será necesaria a intervención das entidades financeiras nin de sociedades de garantía recíproca e achegarán ata o 75% tanto das necesidades de liquidez como dos investimentos de cada empresa beneficiaria. Todo isto coa previsión é mobilizar ata 10 millóns de euros.
Outras medidas
Outra das liñas aprobadas para autónomos, microempresas e autónomos, facilitará microcréditos de entre 3.000 e 20.000 euros a cada negocio con xuros bonificados ao 100% pola Xunta, que disporán dun prazo de duración máxima de 5 anos, cun ano de carencia como tope.
A iniciativa (dotada con 6,1 millóns de euros co obxectivo de mobilizar ata 50 millóns de euros) desenvolverase en colaboración coas sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras. E o prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de outubro.
Finalmente, en paralelo, Feijóo avanzou que se habilitará, para o sector vitivinícola, un préstamo vendima que permitirá mobilizar ata 60 millóns de euros para permitir a todas as bodegas galegas afrontar a compra da totalidade da uva da colleita deste ano en condicións normais de mercado.