Verbena Gallega (Síguenos en Facebook)
O mundo da verbena e todo o público que cada noite segue ás nosas orquestras e grupos nas festas, teñen unha cita ineludible cada xoves ás 22.00 horas na Televisión de Galicia. A canle autonómica estrea esta semana o programa ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’, achegando a verbena a cada fogar.
Este concurso buscará, dun xeito divertido e dirixido a toda a familia (ao igual que as nosas festas), a mellor voz e artista entre os cantantes das principais orquestras que enchen de música e espectáculo as verbenas.
“A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ ofrecerá unha oportunidade para divertirse en familia con grandes cancións, ben cantadas e executadas, cunha posta en escena espléndida e que xogará co enfrontamento xeracional dos diferentes estilos musicais”, sinala a TVG nun comunicado de presentación do programa.
A todos estes ingredientes sumaráselle o bo humor que lle porán todos os participantes, comezando por Paco Lodeiro, o mestre de cerimonias. Neste novo concurso tamén terá un peso destacado o xurado profesional, formado por Pili Pampín, Lito Garrido (Panorama), Mon (Monopolius Dop) e Lucía Pérez, que avaliará en cada edición as actuacións de 8 cantantes. Amais, gozarase en cada emisión coas intervencións dun artista extraordinario, e tamén serán colaboradores do espazo os televisivos Pepe Capelán e Ariadna Leis.
Na primeira Gala teremos a oportunidade de gozar con artistas da verbena tan destacados como Peke (La Fórmula), César Romero (Cinema), Noly (Los Satélites), Tania Veiras, Diego Moreira (París de Noia), Rosa do Mar (Miramar), Eulícer Aróstegui (Olympus) e Iria Riola (Trébol).
En cada gala, os aspirantes darán o mellor para gañar a elección dunha bancada representada por catro xeracións diferentes. Será difícil agradar os esixentes membros do xurado e só un participante en cada gala será o que pase directamente á gran final, mentres que os que quedan e unha nova incorporación semanal seguirán loitando por un posto nas galas sucesivas.
“Non se trata de descubrir voces, xa que todos os participantes son cantantes extraordinarios e s mellores artistas da verbena. Polo tanto, non só será como canten, senón como son capaces de contentar a catro xeracións de público como as que se atopan en cada festa”, indicou o presentador, Paco Lodeiro.
En definitiva, a TVG ofrecerá este verán a mellor festa musical, a través de sete galas e unha gran final, coa que dará co auténtico rei ou raíña das verbenas galegas. É, polo tanto, unha cita ineludible cada semana gozando cos mellores artistas, cun xurado do máis alto nivel e un programa feito co obxectivo máximo de divertir a toda a familia.